ADEGA PRESENTOU A CAMPAÑA “PONTE NO MEDIO. MÓVETE POLO TERRITORIO” EN FERROLTERRA

Na zona de Ferrolterra sabemos ben como a especulación trata de rematar coa franxa costeira contruíndo edicificacións na mesma liña do mar. Sabemos como os derradeiros soutos de Leixa e Menancaro están no punto de mira daqueles que só pensan no seu peto sen reflexionar nas consecuencias medioambientais, que van en contra da biodiversidade e mesmo da saúde de toda a sociedade. Por este motivo a delegación de ADEGA en Ferrolterra fixemos unha presentación comarcal da campaña “Ponte no Medio. Móvete polo Territorio” nun acto celebrado onte, ás 19:30 horas, na Galería Sargadelos de Ferrol.

A mesa estivo representada por Nes Lopes, Presidente de ADEGA- Ferrolterra, o seu vicesecretario, Xesús Piñeiro, e Froilán Pallín, Secretario Xeral da organización, nunha xornada que reuniu a unha trintena de persoas que apoiaron a campaña a través da sinatura do Manifesto en Defensa do Territorio, no que se destacan dez medidas encamiñadas á procura dunha ordenación sustentable do territorio galego.

Nes Lopes falounos do porqué desta campaña e da necesidade de que todo o mundo se implique contra a desfeita que están a sufrir as costas galegas e contra a masiva urbanización en mans de especuladores. Incidiu tamén na importancia da vontade colaborativa e altruísta das persoas que traballan pola protección do medio e da vida ou en proxectos de defensa do territorio galego, no marco dunha sociedade totalmente rexida por criterios economicistas.

Xesús Piñeiro salientou a relevancia que esta campaña está tendo nos diferentes eidos ecolóxicos e sociais. Malia a que está sendo silenciada pola maioría dos medios de comunicación e a pesar das continuas acometidas da Administración contra o territorio, a campaña vaise seguir desenvolvendo ao longo de todo o ano e organizando diversas actividades como veu facendo nos últimos meses coa elaboración de xornadas divulgativas sobre cultura e territorio ou os montes de Galiza, xunto con concursos de fotografía e relatos, charlas nos colexios, encontro de escritores e actuacións xudiciais.

No peche do acto o secretario xeral de ADEGA, Froilán Pallín, avanzou algúns datos sobre o caso de malversación de fondos públicos e prevaricación urbanística no concello de Barreiros, que describiu como a “Marbella galega” , e que recentemente ADEGA denunciou diante da Fiscalía. Tamén explicou cales poden ser as consecuencias de que despropósitos como este non se freen a tempo.

O acto contou coa actuación da violinista galega Estela Gómez.

A ilegalidade urbanística de Barreiros

Tras a aprobación por parte do Consello da Xunta do proxecto sectorial para legalizar e pagar con cartos públicos as ilegalidades urbanísticas no concello de Barreiros, o ordenamento territorial carece xa de valor. A mensaxe é a seguinte: tanto teñen as ilegalidades cometidas confirmadas por sucesivas sentenzas xudiciais: a Xunta vai acudir ao quite para salvar a cara a concellos e promotoras sen escrúpulos, usar a lexislación para amparar os chancullos e o que é pior, adicar cartos públicos a tapar os buracos deixados polos promotores.

Non hai cartos para políticas sociais nen para educación; non hai cartos para medio ambiente e investir no rural na prevención dos lumes; pero para amparar ilegalidades de concellos amigos e agasallar a construtores e especuladores hai 14 millóns de € de cartos públicos (e os que virán). Certificados falsos, diñeiro negro, prevaricación, malversación de fondos públicos, persecución política e represalias á secretaria municipal… Barreiros, a “Marbella” galega.

Denuncia_Fiscalía_HERNANDEZ (PDF 180 Kb)

Non só o deseño do planexamento urbanístico en Barreiros fixérono os promotores e especuladores, senón que agora exímeselles de cumprir coa obligación de cesións de espazos e por riba se les prima. Non só trátase de licenzas ilegais senón que ademáis multiplícase até o 300% o aproveitamento fixado no planexamento. Con isto, confírmase que non todos somos iguais: hai que ser promotor-especulador para recibir agasallos públicos. BARREIROS, CRÓNICA DUN ESCÁNDALO URBANÍSTICO: Non resulta doado xustificar que nun concello como o de Barreiros que dende os anos 80 ven experimentando unha perda continua de poboación (dende os 4113 habitantes no ano 1981 ata os 3244 habitantes do 2009) resulte racional que en apenas un anos (dende xaneiro do 2006 ata o 15 de febreiro do 2007, en que a Xunta de Galicia decreta a suspensión das súas Normas Subsidiarias de palneamento) téñanse outorgado licenzas de edificación para máis de 3500 novas vivendas e téñanse visado no colexio de Arquitectos de Lugo proxectos de edificación para outras tantas novas vivendas.

Nada doado resulta tampouco xustificar que estas licenzas de edificación podan ter sido outorgadas sen contar con garantías de subministro eléctrico ou sen contar coas redes viarias e as dotacións de abastecemento e saneamento adecuadas a tal incremento de edificación e presunta poboación. E, dende logo, resulta absolutamente inexplicable que todas estas licenzas de edificación poidan ter sido outorgadas en base a unhas Normas Subsidiarias do ano 1994, sen para nada ter en conta a Lei 9/2002 que obriga a distinguir entre solo urbano consolidado e solo urbano non consolidado.

Dende o punto de vista dos intereses públicos polos que toda Administración, local ou autonómica, está obrigada a velar, resulta tamén inexplicable que todas estas licenzas sobre solo urbano, que conforme a Lei 9/2002 non pode ter outra categoría que a de solo urbano non consolidado, poidanse ter outorgado todas estas licenzas de edificación sen esixirlle aos promotores as preceptivas cesións de solo para dotacións e servizos publicos e para vivendas sociais e viais públicos. A maiores, e unha vez que a Xunta de Galicia ten decretado a suspensión das normas Subsidiarias do Concello (Decreto 15/2007); que unha vez que a Xunta de Galicia se ten visto obrigada á impugnar na vía contencioso administrativa a maior parte das licenzas outorgadas durante o ano 2006 ante a negativa do Concello de proceder á súa revisión de oficio; ou cando xa hai sentenzas que confirman a ilegalidade das licenzas concedidas (sentenza 389/2009 do contencioso-adminsitrativo nº 1 de Lugo), que esa mesma Xunta, sen sequera ter procedido á revisión de actuacións anteriores, poida chegar a propoñer, promover e aprobar un Plan Sectorial para a legalización de todas as licenzas impugnadas con cargo ademais ao erario público, non pode menos que resultar manifestamente delictivo. Esta é a razón de que no día de hoxe teñamos presentado ante o Ministerio Fiscal unha denuncia contra do Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestrutura. Trátase, efectivamente dun Plan Sectorial para a mellora e ampliación das infraestruturas básicas de saneamento, abastecemento e rede viaria no concello de Barreiros que xa dende o seu mesmo título, vén a confirmar a ilegalidade das licenzas outorgadas ao recoñecer que o solo urbano sobre o que foron autorizados non contaba no momento de concesión da licenza, nen conta aínda hoxe dos servizos urbanísticos mínimos para ser considerado como solo urbano consolidado.

Agardamos da administración de Xustiza o imprescendible compromiso coa legalidade vixente para non permitir, nen na vía contencioso administrativa nen na vía penal, que este tipo de actuacións podan continuar ou podan quedar impunes. De ser así, estaríamos ante inaceptable trato de favor e agravio comparativo fronte a outros promotores e cidadáns obrigados a cumprir coa lexislación urbanística e coas súas obrigas fiscais e ante, sobre todo, unha inaceptable arbitrariedade na aplicación da legalidade vixente por parte da Xunta.

ADEGA ven realizando tradicionalmente labores de educación, sensibilización ambiental e reivindicación, e non adoitamos xudicializar estas cuestións. Mais neste caso, está máis que xustificado acudir á xustiza para mirar pola legalidade. Como xa advertimos no seu momento ao Sr. Conselleiro, por Barreiros e Touriñán non imos pasar. De non mudar de actitude, isto non fixo máis que comezar. ADEGA vaise poñer no medio en defensa do noso territorio e da legalidade.

Máis información: Froilán Pallín, secretario xeral de ADEGA (606364291) Daniel López Vispo, membro da directiva nacional de ADEGA (619808662)

O DIARIO GALEGO GALICIA HOXE OUTRO DESAPARECIDO

Ante o anuncio de que o diario galego Galicia Hoxe publica hoxe o seu último número, ADEGA quere amosar a súa indignación pola desaparición progresiva que están a sufrir no país os medios de comunicación impresos e dixitais que se expresan na nosa lingua. Primeiro foi o peche de Vieiros, logo A Peneira, GZNación e a edición impresa de A Nosa Terra, e agora o de Galicia Hoxe. ADEGA considera que esta eliminación de medios en galego non responde só a unha cuestión de inviabilidade económica, senón á discriminación e ao recorte de axudas que están a padecer por parte das Administracións públicas, nomeadamente da Xunta, fronte aos medios que usan a lingua española.

Desde ADEGA queremos expresar a nosa máis fonda tristeza pola desaparición deste xornal que, malia non ser dos que contaban con máis recursos en Galiza, sempre foi receptivo e respondeu moi positivamente ás nosas convocatorias e notas de prensa e á información ambientalista en xeral. Queremos solidarizarnos cos xornalistas que quedan sen emprego e, especialmente, agradecer e recoñecer aos profesionais do Galicia Hoxe o seu compromiso coa defensa da información ambiental e a sensibilidade e empeño postos en dar voz ao ecoloxismo, aos movementos alternativos, ao sector asociativo e ás plataformas de afectados polos problemas ambientais e o impacto brutal exercido nos últimos anos sobre o territorio galego.

O ecoloxismo galego e a defensa do medio natural precisan de profesionais do xornalismo e de medios de comunicación coma estes que, ademais de defenderen a lingua e a cultura do país, atenden a cuestións de especial relevancia social e ambiental omitidas por outros medios máis pendentes de contentar ao goberno ou aos intereses do capital. Alén diso, criticamos que a Xunta estea a destinar a meirande parte dos fondos públicos para o fomento do galego en medios que, a pesar de seren producidos en Galiza, minimizan, omiten ou desvirtúan toda información que teña que ver coa defensa da nosa lingua e do noso medio natural, como é o caso de La Voz de Galicia. Mentres as axudas se canalizan para os medios en español, vía publicidade ou innovación, os responsables da política lingüística do actual goberno, co actual secretaría Anxo Lorenzo á cabeza declaran “boa a situación do galego” e deixan esmorecer con total premeditación o único xornal impreso e diario que ficaba no país publicado integramente en galego.

A situación pola que están a pasar os medios de comunicación en galego é nefasta. Nin as administracións públicas nin a sociedade galega en xeral pode seguir tolerando o desmantelamento dos medios que utilizan a nosa lingua propia. Por iso demandamos da Xunta que cumpra dunha vez por todas coas súas responsabilidades no terreo da política de normalización lingüística, que non discrimine e recorte as axudas para os medios escritos en galego, e que favoreza e facilite, como así está obrigada, o acceso á información en galego nos medios de difusión xeral (ademais dos medios públicos), e nos que comunican integramente na nosa lingua atendendo a cuestións de interese público como é o ecoloxismo. ADEGA fai un chamamento ao conxunto da sociedade galega para que reaccione ante estes ataques encubertos aos medios que verdadeiramente defenden a liberdade de expresión e de información no noso país e para que demande unha maior presenza do idioma galego en todos os medios de comunicación asinando en: https://pontenomedio.wordpress.com/asina-2/

Convidámovos a todos á sinatura do Manifesto en Defensa do Territorio en Ferrolterra

O vindeiro 30 de xuño, xoves, terá lugar o acto de presentación da Campaña “Ponte no Medio. Móvete polo Territorio” en Ferrolterra organizada por ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) neste 2011. A xornada dará comezo ás 19:30 horas na Galería Sargadelos de Ferrol.

A Campaña polo Territorio trata de acadar o compromiso de toda a sociedade galega para poñerlle freo aos proxectos especuladores do solo galego, dos ríos, das fragas, do mar…, para chamar a atención dunha Administración indoente e para procurar unha alternativa sustentable de ordenación territorial a través dun movemento social de denuncia común. O manifesto resúmese nun total de dez medidas imprescindibles e concretas para o desenvolvemento sostibél do territorio.

É o segundo acto de presentación que se fai despois de terse presentado na cidade de Compostela, o 16 de abril deste ano.

Nes Lopes, Delegado de ADEGA en Trasancos,presentará o acto e convidará a diversas personalidades da comarca a ler o Manifesto en Defensa do Territorio. Os invitados ademais terán a oportunidade de asinalo sumándose así as máis de 200 sinaturas de persoas destacadas das artes, das letras e das ciencias de Galiza.

Para pechar o acto Froilán Pallín, Secretario Xeral de ADEGA, exporá as actividades que se levaron a cabo dentro da Campaña “Ponte no Medio. Móvete polo Territorio” e as que están previstas para os vindeiros meses, ademais de convidar a todos aqueles que queiran apoiar esta iniciativa coa súa sinatura e que xa o poden facer no blog: http://pontenomedio.wordpress.com

No acto está prevista a actuación musical grupo de gaita de Daniel Bellón.

Para máis información: Tfno: 639 288 264 (Suso Piñeiro)/ 982 24 02 99.

Cartaz presentación en Ferrol

ADEGA presentará a campaña “Ponte no medio. Móvete polo Territorio” na II Mostra Intercultural Solidariade Cambre

A asociación ecoloxista ADEGA presentará na comarca a súa campaña “”Ponte no Medio. Móvete polo Territorio”” o próximo sábado día 18 de xuño ás 13.00 horas no centro sociocultural O Graxal, ubicado na rúa Rosalía de Castro (O Graxal, Cambre). Esta presentación terá lugar no marco da celebración da II Mostra Intercultural Solidaria de Cambre, que terá lugar ao longo do próximo fin de semana, e onde estarán presentes diversas entidades asociadas ao mundo da cooperación e a solidaridade.

Trala presentación, na que se dará lectura ao manifesto, abrirase un coloquio co público asistente no que se debatirá sobre o estado do territorio e as posibles actuacións a levar a cabo. Ademáis ADEGA ofrecerá información durante toda a fin de semana no seu posto en dita feira, que terá lugar no polideportivo do Graxal en horario de 11 a 14 e de 18 a 21 ambos días.

Contacto: Pablo Leira, Secretario de ADEGA-Coruña (615 475 763) Angel Amancio Sotillo, Presidente de ADEGA-Coruña (678 799 376).

TRIPTICO II MOSTRA FEIRA

ADEGA e Mariña Patrimonio denuncian ao Conselleiro de Cultura ante a Fiscalía polo Castro da Atalaia

Ambas organizacións presentamos esta hoxe diante da Fiscalía unha denuncia contra o Conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, por non cumprir coa lexislación de protección patrimonial e non velar pola conservación do xacemento arqueolóxico Castro da Atalaia, sito en San Cibrao, no Concello de Cervo. Tras un ano desde que a Dirección Xeral de Patrimonio resólvese ditar o tapado provisorio do xacemento escavado ante o seu posible deterioro, e a pesar das reiteradas chamadas de atención feitas por MariñaPatrimonio e ADEGA ante a Consellaría, a día de hoxe aínda non se cumpriu dita resolución e o ben arqueolóxico está a sufrir danos irreparables.

A degradación do xacemento comezou no ano 2006, cando o Concello de Cervo concedeu licenza para a construción de tres edificios sobre o Castro da Atalaia. Tras as denuncias de ADEGA e MariñaPatrimonio, a anterior D.X. de Patrimonio determinou paralizar as obras, pero para cando chegou a orde de paralización, a construtora Promociones San Ciprián xa tiña destruído totalmente unha das parcelas do xacemento. Posteriormente, procedeuse á escavación en área das outras dúas parcelas non afectadas e a Comisión Territorial de Patrimonio Histórico de Lugo e a Dirección Xeral de Patrimonio pronunciáronse a favor da conservación in situ dos restos arqueolóxicos e en contra da construción dos edificios alegando a grande importancia destes restos.

En xuño de 2010, a D. X. de Patrimonio ditou a resolución na que obrigaba a Promociones San Ciprián a tapar novamente as parcelas escavadas no Castro da Atalaia, no que apareceron importantes estruturas dun asentamento galaico-romano, para protexer o xacemento. Nese mesmo mes Mariñapatrimonio comunicaba a caída dun muro dunha das cabanas do xacemento por mor das choivas e demandaba da Consellaría de Cultura a toma das medidas oportunas. Posteriormente, no mes de novembro, a mesma organización comunicaba á D.X. de Patrimonio os danos causados sobre os restos arqueolóxicos tras a caía duns taboleiros de considerable tamaño desde o alto da obra paralizada. Unha vez denunciados os feitos, a Delegación de Cultura de Lugo e a Dirección Xeral de Patrimonio emitiron dous expedientes nos que recoñeceron os danos descritos e engadiron outros como: “o anegamento das áreas escavadas”, “o debilitamento dos perfís “ así como “o forzamento das portas de acceso” e “o depósito incontrolado de restos de entullo, material de obras e lixo”. Tamén recoñeceron que “é obvio que unha continua e prolongada influencia das condicións meteorolóxicas adversas producirán un incremento do deterioro”.

Pero estas resolucións da Administración non se están a cumprir e o xacemento atópase nun grande perigo de desaparición. É por iso que Mariñapatrimonio e ADEGA urxen a actuación da Fiscalía para que depure responsabilidades e para que o máximo responsable público neste eido, o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, asuma a súa obriga de protexer e conservar o patrimonio histórico-cultural de todos os galegos e galegas.

Na seguinte ligazón, póndense ver fotos do Castro de Atalaia: https://picasaweb.google.com/mr.patrimonio/CASTRODAATALAIAFOTOS

A terra tampouco se vende en Austria

Os gobernos de toda europa anda a contrapé, como exemplo, o caso do goberno autríaco que tivo que suspender inesperadamente o pasado martes e seu plan de vender dúas cumbres alpinas logo de que este anuncio xenerase unha ola de indignación nacional.

Os picos están na parte este da provincia de Tirol, donde están algunhas das montañas máis altas de Europa. O Rosskopf ten unha altura de 2.600 metros e o Grosse Kinigat ten casi 2.700. Están á venda por 121.000 euros (case 175.000 dólares).

A axencia de privatización de Austria anunciou a súa decisión de “suspender a venda e avaliar posibles alternativas” logo dunha reunión de emerxencia entre o ministro de Ecomnomía Reinhold Mitterlehner e altos funcionarios ó cargo da venda das propiedades nacionais ao sector privado.

A indignación da cidadanía xa está sendo notoria e contudente a través da rede e colapsando as liñas telefónicas da Policía Local.
Esto é como quen di que a nosa administración se lle ocorrera facer unha transación de Pena Rubia, Tres Vispos e o Mustallar.
Mellor non dar ideas cando a Xunta acaba de presentar O Plano Director de Rede Natura onde se lle da carta a branca a Pescanova e Stolt para instalarse onde queiran cos seus proxectos de acuicultura industrial, incompatibles coa protección dos espazos e hábitats segundo marcan as directices da UE dentro do marco Rede Natura. Namentres os veciños e pequenos propietarios vénse cada vez máis desprotexidos e limitados polas leis administrativas deste governo.
Pero a indignación dos galegos aínda está por poñerse a proba, ADEGA fai un chamanento a tódolos eidos da sociedade para poñer en alarma sobre ese ataque indoente o noso patrimonio natural e a nosa vida, esperando que esa resposta sexa tan contundente como a austríaca fronte a esta depredación.

O TERRITORIO ESTÁ PERDENDO OS SEUS NOMES

O pasado 11 de xuño celebrouse na Deputación Provincial de Lugo o “Encontro de Escritores” organizado por ADEGA dentro da campaña “Ponte no Medio. Móvete polo Territorio”. A xuntaza dunha ducia de autores e autoras galegas recoñecidos e veciños todos eles de Lugo tiña unha inquedanza común remumida nesta premisa:”O territorio galego relátase a través da literatura oral, da escrita e da súa toponimia e neste momento histórico está en perigo de extinción”. O siloxismo disxuntivo que se deriva como conclusión e moi doado “Se perdemos as palabras, a lingua e os nomes perdemos o territorio e os homes”.

A xornada foi inaugurada por Froilán Pallín, Secretario Xeral de ADEGA que destacou a importancia deste Encontro de “Escritor@s polo Territorio” como un paso adiante dentro da campaña “Ponte no Medio. Móvete polo Territorio” que ten como obxectivos a procura dunha ordenación territorial sustentábel que respecte o medio en que todos nós vivimos. Conscientes deste desafío e do seu amplísimo abano de actuacións, Froilán Pallín aproveitou para chamar a colaborar a todo o tecido social e cultural galego na conservación e protección do patrimonio inmaterial como neste caso é a tradición oral galega, a literatura escrita e tamén a toponímia.

Na mesa “A literatura oral e o territorio” os escritores Antonio Reigosa, Xoán Cuba e Ana Carreira acordaron poñer novos puntos en común na importancia da literatura oral como creadora do imaxinario do territorio, aquelo que non se ve, unha amálgama que dá forma á nosa cultura; segundo Reigosa definiu “Un amplo mundo, un universo de personaxes que están aí, que son patrimonio e que non acaban de ser tratados como se merece”.

Ana Carreira, escritora e contacontos, con ampla experiencia no mundo do teatro e da literatura oral foi neste encontro a “narradora do medo”. Achegóunos ás historias do chupasangues, o home do saco, o sacauntos, a Santa Compaña… personaxes que falan do mundo sucedido, do máis fantástico, as lendas urbanas que non están tan lonxe da realidade e que de maneira moi clara vertebran o territorio social. A escritora identificou nas historias do medo aspectos categóricos como a “esfera do limiar” o que tamén lle chamou “esfera do entre”, é dicir, espazos e tempos de paso que significan dalgunha maneira un salto cara o descoñecido ou a percepción dun risco. Habitualmente estes contos ambiéntanse no paso dun camiño, no luscoefusco, no solsticio, neses lugares de tránsito que de xeito máis actual coincidirían coas lendas acaecidas na curva dunha estrada, nun vestiario, nos corredores dunha casa etc… Outro aspecto característico das lendas do medo dende a prespectiva máis aristotélica é a relación dos contos cos heroes que están aí para identificarnos con eles. En resumo mediante o horror e o erro apréndese, unha aprendizaxe conducida ao traverso da catarse e da diversión. Ana Carreira concluíu a súa exposición con este pensamento: “Temos os contos para poder medrar”.

O escritor Xoán Ramiro Cuba empezou a súa charla falándonos do “atopador” unha das personaxes da obra de Cunqueiro en “Tesouros novos e vellos”, que realmente era un atopador deses tesouros que forman as lendas de Galiza e que están en relación co territorio, é dicir, teñen unha localización física. Lendas relacionadas coa orografía galega: montañas, montes, lagoas, fragas, ríos, fontes… Xoán R. Cuba centrou o seu relato no imaxinario da auga, dos seres máxicos que existen nas lagoas, dos sacrificios que se facían nas fontes ou dos encantamentos, contos con nomes propios como Santalla de Pena, as Lagoas de Cospeito, a Lagoa do Pozo do Ollo…

Tirando deste fío, Antonio Reigosa afirmou o seguinte: “As fontes desaparecen, o territorio está ocupado e iso fai que a lendas desaparezan”. Cando falamos do relato do medo ou do relato referido a un encanto, esa literatura fálanos do patrimonio invisible que queda visible nos castros, nas mámoas, nas fontes… espazos (no mellor dos casos) protexidos pero que ademais teñen ó lado un relato cunha tradición oral esquecida e maltratada. “É preciso entendermos ese patrimonio para podermos valoralo”, destacou Reigosa. Ademais o escritor mindoniense incidiu en que “da mesma maneira que se protexe o Castro de Viladonga habería que investir neses espazos polo patrimonio oral”, puxo como exemplos o Castro de Piúgos, a lenda do Castelo do Picato, entre outros.

Rematada a primeira palestra o acto tamén tivo un lugar para o lecer e a música da man do Coro LUGH, que interpretou temas como “O Cuco”, poema de Manuel María, dúas foliadas galegas como “O voso galo” e “Vereval” e unha regueifa “A rúa de Chamosa” ademais dun tema propio, composto polo director do coro e un dos membros, titulado “Nós”.

A mesa “Os nomes do territorio. A toponímia” foi unha das máis concorridas e nas que moitos dos asistentes se animaron a intervir polo interese que esperta en ocasións coñecer un pouco máis as nosas raíces patronímicas e toponímicas. Para atender a esta demanda de información estiveron alí Xulia Marqués, Doutora en filoloxía e Vogal da Asociación Galega de Onomástica, Gonzálo Navaza, Doutorado en Fitotoponimia Galega e filólogo e membro da Comisión de Toponímia, e o biólogo e narrador Xosé Miranda .

Xulia Marqués adentróunos no seu proxecto sobre toponímia de Galiza, proxecto acoutado concretamente no seu concello, Trabada, e que seviu de guía para varios centros de educación secundaria interesados polo tema. Falou da “perda e da mudanza”, referíndose á perda de poboación sobre todo no rural e polo tanto de informadores, quérese dicir, que a poboación máis vella desaparece e leva consigo os nomes dos lugares o modo de vida máis tradicional. A súa investigación analiza polo miúdo ese punto de inflexión dende o 1967 ao 1973 que supuxo un aparcelamento do territorio e unha modernidade chea de desfeitas que trouxo como consecuencia a perda de toponimia do territorio, “Paxaros, cousas e animais falan galego” nomes de lugares: “Os Abeleiros, as liñeiras, o chouso da vaca, a pena do lobo… o mundo enteiro dun labrego cabe nun topónimo” . O obxetivo do seu traballo de investigación non é somentes o de dispoñer dun documento histórico e de referencia sobre toponímia senón o de implicar ós rapaces co seu lugar, a través das unidades didácticas e o material que se ten elaborado da man desta investigadora. Xulia Marqués rematou deixándonos esta reflexión “O obxectivo é que os alumnos entendan o mundo no que viven a través dos nomes que os rodean para que así os aprecien, e os protexan e difundan cando sexan adultos”.

O lucense Xosé Miranda comezou a charla cunha frase categórica “Se non sabes o nome dunha cousa extínguese o seu coñecemento”, para acto seguido facer unha retrospectiva da toponimia das corredoiras, prazas, parques e portas de Lugo que existiron nun tempo e que tiñan un sentido e unha coherencia cos acontecementos e coa estructura da cidade, incluso cos seus habitantes, e que na actualidade se cambiaron por nomes que nada ou pouco teñen que ver coa historia e funcionalidade dese lugar. Exemplo diso son o Parque de Rosalía que se coñecía de sempre como O Garañon, O Camiño Real foi sempre Camiño Vello, A Praza de Augas Férreas actualmente sita a un kilómetro desas augas, ou a Praza da Soidade coñecida anteriormente como Praza do Carboeiro. Un relatorio de espazos e carrís que tiveron un nome natural e espóntaneo e que agora son sustituídos por unha toponímia conmemorativa e de persoeiros .

A intervención de Gonzalo Navaza deixou aínda máis clara a loucura que moitas veces rexe as mentes dalgúns iluminados na súa teima por nomear o que xa tiña nome ou por facer unha descuberta topinímica pouco científica e falaz. Falou da riqueza da toponímia de Galiza en variedade e número e da súa extraordinaria antigüidade, aspectos relacionados intrínsecamentes coa dispersión poboacional a diversidade na orografía e o minifundismo da propiedade.

Despois do xantar deu comezo a palestra “Cambios no uso da cidade” presentada por Isidro Novo, acompañado de Paco Martín e María Reimóndez todos eles escritores e tamén cronistas da cidade de Lugo pertencentes a diferentes pléiades (1940, 1951, 1975) e cunha visión moi persoal dos cambios producidos no territorio urbano desta cidade nos últimos 75 anos.

Paco Martín viviu no barrio de Magoi, cando este era unha aldeíña. “A xente falába de ir a Lugo á feira ou ó médico, Lugo comezaba prácticamente onde comeza muralla”. Isidro Novo recordaba tamén unha Acéa de Olga moi distinta a actual situada no que agora é o restaurante “O Muíño” e relataba como por entonces “As señoras de vida fácil, que se chamaban daquela, víñanse bañar ao outro lado do río”. E rematando este percorrido María Reimóndez levounos de paseo pola cidade dos seus recordos a través dun relato no que todos poidemos calzarnos diferentes zapatos que a autora quixo vestirnos.

Antes de dar comezo a última palestra actuaron “Os Frebudos”, música galega para aledar ós presentes e que dinamizou a xornada.

Para rematar este “Encontro de Escritor@s polo Territorio” Xurxo Souto, escritor, locutor e músico presentounos a dúas mulleres que el definiu como “mulleres sol”, mulleres trasformadoras e multidisciplinares que brilan na vida pública, Adela Figueroa, Bióloga, Ecoloxista e Poeta, e a Pilar García Negro, Filóloga e escritora lucense de nacemento. Da man destas dúas mulleres o encontro camiñou por unha paseata literaria con protagonistas vencellados a Lugo como Rosalía de Castro, Otero Pedrayo, Carvahlo Calero, Luis Pimentel, Ánxel Fole, Manuel María, Uxío Novoneyra, Lois Diéguez, Marica Campo… autores de urdime na literatura galega que nalgún momento souberon retratar con extaordinaria certeza a cidade de Lugo. Ademais Adela Figueroa falou da súa obra cos ollos dunha nena que medrou nesta súa cidade de sempre. “Lugo é unha cidade dona do seu tempo. Ten un tempo propio”, atinou con acerto a describir Adela.

Como punto final desta xornada Xurxo Souto arrincouse co seu acordeón cun tema que homenaxeaba o recentemente galardoado co Premio Día das Letras Galegas, Lois Pereiro.

Páxinas de interese: Cartografía de apelidos de Galiza.


Transcrición das Xornadas de Cultura e Territorio

Xa tedes á vosa disposición os textos completos das Xornadas de Cultura e Territorio que tiveron lugar o 30 de abril no Salón de Actos da Deputación Provincial de Lugo e que xuntou a profesionais da comunicación, da arquitectura, da economía e da cultura do noso país. Un encontro que tivo unha grande acollida pola innovación e actualidade dos temas e proxectos que se trataron sobre o territorio e o seu devir identitario. Tedes aquí os apuntamentos deses relatorios, esperamos que sexan do voso interese.

Descarga XORNADAS CULTURA E TERRITORIO TRANSCRICIÓN

A TERRA E A LITERATURA CONVERXEN ESTE SÁBADO NO ENCONTRO “ESCRITOR@S POLO TERRITORIO” ORGANIZADO POR ADEGA

ADEGA, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, reúne este sábado 11 de xuño no Salón de Actos da Deputación Provincial de Lugo das 9:30 ás 19:30 h, a persoeiros da cultura galega nunha xornada que leva por título “Escritor@s polo Territorio”. Os encargados de abrir este acto serán o Vicepresidente Primeiro da Deputación de Lugo en funcións, Antón Bao e a Presidenta de ADEGA Virxinia Rodríguez.

O encontro de escritores está enmarcado dentro da campaña “Ponte no Medio. Móvete polo Territorio” que está levando a cabo ADEGA ao longo deste ano a través de accións culturais, reivindicativas e xurídicas pola defensa do noso Territorio fronte a desfeita especulativa do sector privado e co apoio dunha administración indoente. “Ponte no Medio. Móvete polo Territorio” defende unha ordenación sustentable e unha alternativa posible de futuro. O acto cultural deste sábado 11 de xuño tratará de tocar estes temas urxentes desde un punto máis literario a través dos ollos dos creadores e creadoras da nosa terra cunha visión cargada de lirismo e de arte vencellada inevitablemente ao territorio no que viven.

A primeira palestra, “A literatura oral do territorio”, analizará o mundo da nosa tradición oral máis anterga como elemento de conservación da identidade e do territorio das persoas que nel habitan. Os escritores Ana Carreira e Xoán R. Cuba serán neste caso os relatores desa nosa historia literaria oral, moderados polo tamén escritor, Antonio Reigosa.

Nunha segunda mesa de debate, “Os nomes do territorio. A Toponimia”, abordaranse os cambios na toponimia galega: nomes de cidades, pobos, parroquias e o mal uso que moitas veces se fixo destes ao longo da historia, calados e aldraxados por linguas alleas que mudaron a paisaxe territorial. Esta perpectiva da Tradición Oral, Arqueolóxica e Histórica será o tema no que intervirán os investigadores de toponimia Xulia Marqués e Gonzalo Navaza, moderados polo escritor Xosé Miranda.

A mesa de debate, “Cambios no uso das ciudades”, estará representada por Paco Martín e María Reimóndez, acompañados de Isidro Novo, escritores de diferentes xeracións (1940, 1951, 1975) que contarán as súas vivenzas e lembranzas da cidade. Será un relato costumbrista dos cambios no territorio nos últimos 75 anos. O encontro estará amenizado pola coral LUGH, dirixida por Fernando García Jácome e por un grupo de música galega tradicional.

Para pechar a xornada, os autores como Pilar García Negro, Adela Figueroa Panisse e Xurxo Souto participarán na cuarta mesa titulada “O meu territorio na miña literatura”. O seu relato será un percorrido polas diferentes percepcións das cidades onde traballaron e viviron e os cambios que constatan esa sinerxia entre literatura e o espazo no que o autor ou autora elabora a súa obra.

A clausura destas xornadas dará paso as conclusións e o debate aberto entre escritores e achegados ao lugar.

Resumo das palestras:

- A literatra oral do territorio: coa intervención de Ana Carreira e Xoan R. Cuba, modera Antonio Reigosa.

- Os nomes do territorio. A toponimia: poñentes Xulia Marqués e Gonzalo Navaza, modera Xosé Miranda.

- Cambios no uso da cidade: poñentes Paco Martín e María Reimondez, modera Isidro Novo

- O meu territorio na miña literatura: poñentes Pilar García Negro e Adela Figueroa Panisse, modera Xurxo Souto.

diptico escritores