A TERRA E A LITERATURA CONVERXEN ESTE SÁBADO NO ENCONTRO “ESCRITOR@S POLO TERRITORIO” ORGANIZADO POR ADEGA

ADEGA, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, reúne este sábado 11 de xuño no Salón de Actos da Deputación Provincial de Lugo das 9:30 ás 19:30 h, a persoeiros da cultura galega nunha xornada que leva por título “Escritor@s polo Territorio”. Os encargados de abrir este acto serán o Vicepresidente Primeiro da Deputación de Lugo en funcións, Antón Bao e a Presidenta de ADEGA Virxinia Rodríguez.

O encontro de escritores está enmarcado dentro da campaña “Ponte no Medio. Móvete polo Territorio” que está levando a cabo ADEGA ao longo deste ano a través de accións culturais, reivindicativas e xurídicas pola defensa do noso Territorio fronte a desfeita especulativa do sector privado e co apoio dunha administración indoente. “Ponte no Medio. Móvete polo Territorio” defende unha ordenación sustentable e unha alternativa posible de futuro. O acto cultural deste sábado 11 de xuño tratará de tocar estes temas urxentes desde un punto máis literario a través dos ollos dos creadores e creadoras da nosa terra cunha visión cargada de lirismo e de arte vencellada inevitablemente ao territorio no que viven.

A primeira palestra, “A literatura oral do territorio”, analizará o mundo da nosa tradición oral máis anterga como elemento de conservación da identidade e do territorio das persoas que nel habitan. Os escritores Ana Carreira e Xoán R. Cuba serán neste caso os relatores desa nosa historia literaria oral, moderados polo tamén escritor, Antonio Reigosa.

Nunha segunda mesa de debate, “Os nomes do territorio. A Toponimia”, abordaranse os cambios na toponimia galega: nomes de cidades, pobos, parroquias e o mal uso que moitas veces se fixo destes ao longo da historia, calados e aldraxados por linguas alleas que mudaron a paisaxe territorial. Esta perpectiva da Tradición Oral, Arqueolóxica e Histórica será o tema no que intervirán os investigadores de toponimia Xulia Marqués e Gonzalo Navaza, moderados polo escritor Xosé Miranda.

A mesa de debate, “Cambios no uso das ciudades”, estará representada por Paco Martín e María Reimóndez, acompañados de Isidro Novo, escritores de diferentes xeracións (1940, 1951, 1975) que contarán as súas vivenzas e lembranzas da cidade. Será un relato costumbrista dos cambios no territorio nos últimos 75 anos. O encontro estará amenizado pola coral LUGH, dirixida por Fernando García Jácome e por un grupo de música galega tradicional.

Para pechar a xornada, os autores como Pilar García Negro, Adela Figueroa Panisse e Xurxo Souto participarán na cuarta mesa titulada “O meu territorio na miña literatura”. O seu relato será un percorrido polas diferentes percepcións das cidades onde traballaron e viviron e os cambios que constatan esa sinerxia entre literatura e o espazo no que o autor ou autora elabora a súa obra.

A clausura destas xornadas dará paso as conclusións e o debate aberto entre escritores e achegados ao lugar.

Resumo das palestras:

A literatra oral do territorio: coa intervención de Ana Carreira e Xoan R. Cuba, modera Antonio Reigosa.

Os nomes do territorio. A toponimia: poñentes Xulia Marqués e Gonzalo Navaza, modera Xosé Miranda.

Cambios no uso da cidade: poñentes Paco Martín e María Reimondez, modera Isidro Novo

O meu territorio na miña literatura: poñentes Pilar García Negro e Adela Figueroa Panisse, modera Xurxo Souto.

diptico escritores

Deixar un comentario